sexta-feira, 28 de novembro de 2008

Galiza Nova consegue o seu propósito ao aprobar o Concello de Avión a protección do río Couso

O pasado venres 28 de novembro o Concello de Avión acordou por unanimidade declarar Espazo Natural de Interese Local a área do río Couso que está ameazada pola construcción dunha minicentral.

Según declara a organización xuvenil nacionalista “o río Couso atópase entre os recollidos na norma 2.2.2.6. do Plan Hidrolóxico Norte I como tramo protexido por interés medioambiental. Esta clasificación obriga a que o seguemento das súas augas se centren no mantemento da súa calidade natural e en evitar as intervencións sobre o cauce tendentes a modificar a fauna e a flora do río”.

Segundo Galiza Nova no Ribeiro “ao abeiro do informe da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, da Xunta de Galiza considérase que o caudal proposto non é suficiente para garantir o mantemento dos procesos ecolóxicos que se producen no río no caso de levar a cabo a construcción da minicentral”.

Así mesmo as mocidades nacionalistas poñen de manifesto “o escandaloso do proceso” pois xa comezara a xestarse en 2003 pola Xunta de Fraga e a el concurren varias empresas (Hidroeléctrica de Avión, Hidroeléctrica Cortizo e Egasa) que a Fiscalía está a investigar por corrupción, ocupación ilegal e outras irregularidades. Sobre este asunto para Galiza Nova: “parecen prevalecer os criterios económicos e os intereses particulares sobre o interese das veciñas e veciños da zona e a conservación medioambiental do río”.

Segundo o Responsábel Comarcal de Galiza Nova do Ribeiro, “o noso colectivo vén traballando na comarca posicionándose de maneira contundente en contra da construcción desta minicentral, levando a cabo accións reivindicativas como a presentación da moción no pleno do Concello de Avión e a colocación dunha faixa no cruce de Couso, do mesmo concello.

Descarga aquí o documento enviado aos medios


0 comentários: